terça-feira, 15 de maio de 2012

O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE VISITA TUI PARA EXPLICAR AS OBRAS DE ACCESO AO PARQUE EMPRESARIAL DE AREAS DENDE A-55


O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez,  recibiu esta maña na nosa cidade ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que mantivo unha reunión co propio alcalde, con representantes dos grupos municipais, dos veciños afectados polas obras e da UTE construtora da VAP Tui- A Guarda, para abordar os accesos ao polígono de Areas dende a autovía A-55. Neste acto tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, xefe de estradas de Pontevedra, Fausto Núñez e outros técnicos da Consellería.
O proxecto da VAP Tui – A Guarda, tramo I (Tui- PO-350), contempla a remodelación do enlace existente (A-55) e a execución duns ramais de conexión coa PO-552, polo que os actuais ramais quedarán inutilizados. En consecuencia, estudáronse alternativas para o aproveitamento de ditos desvíos como novo acceso ao polígono de Areas.
O conselleiro de Medio Ambiente explicou que tras o estudo de varias opcións de conexión, o seu departamento acordou que a alternativa máis viable poderá executarse cando estea en servizo o enlace da VAP Tui- A Guarda (tramo I) coa A-55, xa que se aproveita o actual ramal de saída, que quedará non operativo co novo enlace. Tamén se deixará previsto un paso inferior (PK 0+600) para executar nun futuro un semienlace tipo pesas, é dicir, glorietas a ambos lados.
Hernández indicou que a alternativa escollida é a máis óptima dende o punto de vista funcional. Cabe citar que nesta opción é posible unha redución da pendente, mellorando así a accesibilidade do tráfico pesado. Segundo a Agustín Hernández a única solución viable para o acceso ao polígono, aínda que recoñecía que non satisface a algún colectivo, é pola actual estrada, xa que segundo sinalaba hai que cumprir a normativa e neste caso o acceso directo dende a VAC non cumpriría coa distancia entre accesos estipulada. Descartaba o conselleiro que este cambio, con respecto ao 2004, non ten nada que ver con dispoñibilidade orzamentaria. Engadía que non se pode encaixar o cumprimento da normativa porque iso conlevaría facer unha obra de maior impacto, con máis expropiacións, e cun número de carrís desaxeitado. Engadía que o acceso que plantexan diminuirá o acceso actual, e que en menos dun quilómetro se vai acceder dende a entrada do polígono á autovía. 
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, informaba que tamén queda previsto un acceso inferior ao parque. Recoñecía que esta é unha obras de grandes magnitudes que xera molestias, e indicaba que cómpre valorar as indicacións dos técnicos, pois as solucións que se prantexan son as posibles de acordo aos requirimentos técnicos e legais.. Moisés Rodríguez indicaba como outras demandas dos veciños afectados, como o asfaltado dos camiños de servizo ou o alumeado dos mesmos están en execución ou en estudo.
Tanto o Alcalde como o conselleiro pediron aos veciños presentes comprensión polas afeccións das obras reiterando o ofrecemento de continuar aberto o diálogo para buscar solucións que cumpran a normativa. O rexedor tudense agradecía ao Conselleiro o feito de estar hoxe reunido  en Tui para tratar este tema cumprindo así cun compromiso do que algúns dubidaban.  Moisés Rodríguez expresa tamén o seu recoñecemento ao conselleiro que logo da xuntanza mantivo incluso un tempo de diálogo cun grupo de veciños que agardaban no exterior de edificio.

Sem comentários:

Enviar um comentário