segunda-feira, 14 de maio de 2012

A BIBLIOTECA MUNICIPAL PROMOVE NOVAS ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN: O MARTES GLOBOFLEXIA E O SÁBADO OBRADOIRO DE CARICATURAS


A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa desenvolvendo o seu programa de actividades denominado “Mes dos Libros” que ao longo da vindeira semana aborda novas actividades de animación á lectura; en concreto, o vindeiro martes ás 18,00 terá lugar un obradoiro de globoflexia a cargo de Leo Leíño e o vindeiro sábado haberá un obradoiro de caricatura a cargo do debuxante David Pintor.
O martes 15 de maio Leo Leíño realizará para os nenos e nenas asistentes un Obradoiro no que aprenderán a facer figuras básicas con globos: espadas, gorros, flores, anteollos con nariz, coellos voadores etc. descubrindo novas habilidades. Unha actividade dirixida aos nenos entre 5 e 9 anos de idade.
O sábado 19 de maio ás 11,30 horas terá lugar un obradoiro titulado “Seguro que sabes o que é unha caricatura?” dirixido especialmente a rapaces de 10 a 13 anos de idade e que correrá a cargo do ilustrador David Pintor. Para participar neste actividade cómpre realizar unha inscrición previa na propia Biblioteca Municipal tudense pois o número de participantes é limitado.
David Pintor ( A Coruña. 1975 ) Ilustrador, humorista gráfico, caricaturista e pintor. En 1993 comeza a traballar co guionista Carlos López baixo o seudónimo de Pinto & Chinto, converténdose en poucos anos nunha referencia do humor político en prensa. As súas tiras cómicas saen en periódicos como Diario 16, La Voz de Baleares ou Diario de León. Actualmente o seu traballo aparece todos os días nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia.
No campo da ilustración, tem colaborado con algunhas das máis importantes editoriais como Everest, SM, Lapis, Froebel, Agaworld, Anaya, Alfaguara, Edelvives, Kalandraka, Sotelo Blanco, Círculo de Lectores, Biblos, Combel…
Ten participado en numerosas exposicións de ámbito nacional e internacionais e ten acadado unha longa lista de premios nacionais e internacionais que avalan a súa traxectoria, un dos últimos é a súa nominación ao Premio Nacional de Ilustración 2011.
Para a concelleira de cultura tudense a celebración destas actividades xunto coa feira do libro que coordina a propia Biblioteca Municipal completan a ampla programación do “Mes dos Libros” que dende o pasado 23 de abril ten ofertado un amplo abano de actividades dirixidas aos diversos segmentos de idade dos usuarios da biblioteca. Vanesa Rodríguez Pereira expresa o compromiso da concellería pola promoción da lectura pública como una eficaz ferramenta para a formación das persoas e como unha alternativa de lecer enriquecedora.

Sem comentários:

Enviar um comentário