O pasado fin de semana o deporte tudense acadou numerosos éxitos en diferentes modalidades deportivas, no piragüismo, duatlón e atletismo.
Por unha banda, o Club Kaiak Tudense desprazouse con seis padeeiros ata a localidade asturiana de Ribadesella, onde disputou a Copa de España de Maratón. Nesta primeira proba da tempada os de Tui demostraron estar preparados para a disputa na casa do Campionato de España, proba clasificatoria para o Campionato do Mundo de Maratón, xa que tanto Manu Garrido en C1, como Iván Alonso en K1, acadaron o primeiro posto, e Jaime Sobrado acadou o terceiro posto na categoría K1 Sub 23. Tamén participaron Ramón Ferro, segundo por detrás de Manu Garrido, e os irmáns Costa Bouzada que acadaron a cuarta praza na categoría C2 Senior.
Xa no duatlón, o tudense Gustavo Rodríguez que milita no equipo Cidade de Lugo Fluvial, que recentemente acadaba o Subcampionato de España, proclamouse Campión Galego de Duatlón, na proba disputada o pasado fin de semana na localidade coruñesa de Noia.
E no deporte base, a atleta cadete do Club Atletismo Tui-Thermalia, Uxía Pérez proclamouse Campioa Galega cadete na proba dos 1.000 metros, o que asegura a súa participación no Campionato de España de seleccións autonómicas, que se vai celebrar en Zaragoza o 2 e 3 de xuño.
Dende o Concello de Tui quérese felicitar a estes deportistas polos éxitos acadados, así como anímalos a seguir adestrando para competir ao máximo nivel nas probas futuras.
Por outra parte, animar a José Luís Bouza do Club Kayak Tudense e a Jorge André Correia do Club Remo do Miño, que aínda que non acadaron a clasificación para participar nos Xogos Olímpicos, estamos seguros que dada a súa xuventude e esforzo, terán moitas máis posibilidades no futuro para disputar unhas Olimpíadas.
Tamén animar a Jesús González e Nuria Dominguez, remeiros do Club Remo Tui, que están disputando o Preolímpico na cidade Suíza de Lucerna. Os dous competirán polas prazas para os Xogos de Londres 2012.
Sem comentários:
Enviar um comentário