O alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, asinou o pasado luns, 14 de maio, en Santiago de Compostela coa ministra de Fomento, Ana Pastor Julián, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández de Rojas, o convenio sobre o financiamento da Área de Rehabilitación Integral de Tui que suporá un investimento, a financiar entre as tres administración públicas e os particulares beneficiarios, que alcanzará os 564.669,88 Euros no período 2012-2016.
En concreto as intervencións a financiar ao abeiro deste convenio son:
rehabilitación de edificios e vivendas: 396.000 Euros
actuacións en infraestruturas e urbanización: 118.000 Euros
equipos de información e xestión adscritos á oficina municipal de rehabilitación: 49.869,88 Euros
Destes investimentos o Ministerio achega o 33,19%, a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo aporta un 22,79% o Concello de Tui financia un 14,79% namentres que os particulares achegaran para as actuacións de rehabilitación en edificios e/ou vivendas arredor dun 29,27 % do custo total.
Con estas intervencións, sinala o alcalde, o obxectivo municipal é potenciar o uso residencial do conxunto histórico, asegurando a diversidade social, promovendo a eliminación de barreiras arquitectónicas e a promoción da accesibilidade así como a mellora da eficiencia enerxética dos edificios.
A sinatura deste convenio é froito do acordo da Comisión Bilateral entre o Ministerio de Fomento e o Instituto Galego da Vivenda e Solo para o financiamento da Area de Rehabilitación Integral do casco histórico de Tui, 10ª fase, ao abeiro do Plan estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-1014 (período 2011).
Para o alcalde de Tui con este convenio o Concello tudense garante a continuidade das intervencións tendentes á promoción da rehabilitación no noso conxunto histórico, así como garante a continuidade da Oficina de Rehabilitación – Portelo Único de Vivenda ao servizo dos cidadáns tudenses.
Moisés Rodríguez amosa a súa satisfacción por este acordo que impulsa o compromiso que o goberno municipal tudense ten asumido pola conservación e promoción do conxunto histórico como un dos eixos da súa actividade e que ten na actual exposición pública do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico a súa principal expresión.
Sem comentários:
Enviar um comentário