quarta-feira, 16 de maio de 2012

A BIBLIOTECA MUNICIPAL ORGANIZA O SÁBADO UN OBRADOIRO DE CARICATURAS CON DAVID PINTOR


A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa desenvolvendo o seu programa de actividades denominado “Mes dos Libros” que no vindeiro sábado ofrece una nova cita:  un obradoiro de caricatura a cargo do debuxante David Pintor.
En concreto, será este sábado 19 de maio ás 11,30 horas cando teña lugar este obradoiro titulado “Seguro que sabes o que é unha caricatura?” dirixido especialmente a rapaces de 10 a 13 anos de idade e que correrá a cargo do ilustrador David Pintor. Para participar neste actividade cómpre realizar unha inscrición previa na propia Biblioteca Municipal tudense pois o número de participantes é limitado.
David Pintor ( A Coruña. 1975 ) Ilustrador, humorista gráfico, caricaturista e pintor. En 1993 comeza a traballar co guionista Carlos López baixo o seudónimo de Pinto & Chinto, converténdose en poucos anos nunha referencia do humor político en prensa. As súas tiras cómicas saen en periódicos como Diario 16, La Voz de Baleares ou Diario de León. Actualmente o seu traballo aparece todos os días nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia.
No campo da ilustración, tem colaborado con algunhas das máis importantes editoriais como Everest, SM, Lapis, Froebel, Agaworld, Anaya, Alfaguara, Edelvives, Kalandraka, Sotelo Blanco, Círculo de Lectores, Biblos, Combel…
Ten participado en numerosas exposicións de ámbito nacional e internacionais e ten acadado unha longa lista de premios nacionais e internacionais que avalan a súa traxectoria, un dos últimos é a súa nominación ao Premio Nacional de Ilustración 2011.
Para a concelleira de Cultura tudense, Vanesa Rodríguez Pereira, a celebración desta actividade xunto coa feira do libro que coordina a propia Biblioteca Municipal completan a ampla programación do “Mes dos Libros” que dende o pasado 23 de abril ten ofertado un amplo abano de actividades dirixidas aos diversos segmentos de idade dos usuarios da biblioteca. Vanesa Rodríguez Pereira expresa o compromiso da concellería pola promoción da lectura pública como una eficaz ferramenta para a formación das persoas e como unha alternativa de lecer enriquecedora.

Sem comentários:

Enviar um comentário