quinta-feira, 14 de junho de 2012

705 PEREGRINOS COMEZARON EN TUI O CAMIÑO DE SANTIAGO NO MES DE MAIO


Segundo os datos que ofrece a Oficina do Peregrino da Arquidiocese de Santiago de Compostela no pasado mes de maio comezaron en Tui o seu itinerario de peregrinación xacobea un total de 705 peregrinos que escolleron á nosa cidade como auténtica “porta do camiño portugués”.
Pero cómpre subliñar que pola nosa cidade pasaron ata 2.995 peregrinos que foron os que realizaron o camiño portugués e recibiron a “Compostela” acreditativa á súa chegada a Compostela, segundo informa a devandita Oficina do Peregrino. Destes case tres milleiros de peregrinos destaca que a maioría deles son de procedencia extrapeninsular, especialmente salientan polo seu número os orixinarios de Alemania, Francia e Italia.
Estes datos concordan coas estatísticas da Oficina Municipal de Turismo do pasado mes de maio, onde houbo 536 consultas realizadas por peregrinos que realizan o camiño portugués destacando o feito de que os peregrinos estranxeiros triplican aos nacionais: 435 fronte 141.
Para a concelleira de turismo do Concello de Tui, Raquel Lorenzo Pimentel, asistimos neste ano a un incremento do número de peregrinos que visitan Tui no seu itinerario ao sartego apostólico, en case cincocentos peregrinos máis que no ano pasado. Estes datos confirman a consolidación do camiño portugués que historicamente  transcorre pola Eurocidade Valença – Tui como punto de entrada en Galicia. Fronte a outras pretendidas alternativas carentes dunha tradición histórica documentada o camiño portugués conforma un elemento patrimonial vivo e así é recoñecido polos numerosos peregrinos que escollen, cada ano en maior número, este roteiro xacobeo.

Sem comentários:

Enviar um comentário