quarta-feira, 13 de junho de 2012

ESTE VENRES SESIÓN ACADÉMICA DE CLAUSURA DE CURSO NA AULA DA UNED


Este Aula tivo 100 alumnos no curso de acceso e 120 nas diversas actividades realizadas
A lección de clausura correrá a cargo do profesor e escritor Xosé María Álvarez Cáccamo
O vindeiro venres, 15 de xuño, terá lugar ás 19,00 horas no salón de actos da Aula da Uned de Tui o acto de clausura do curso 2011-2012. segundo ano de funcionamento deste Aula onde se imparte o curso de acceso á Universidade para maiores de 25 e 45 anos, asi como diversas actividades da Uned Senior e outras accións de formación mediante cursos, obradoiros, etc.
Este acto contará cunha lección de clausura a cargo do profesor e escritor, Xosé María Álvarez Cáccamo que versará sobre “A poesía de Celso Emilio Ferreiro. Lectura comentada” neste ano no que se celebra o centenario do nacemento do egrexio poeta de Celanova.
Esta sesión académica de clausura estará presidida polo Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e a directora do Centro Asociado da Uned en Pontevedra, Beatriz Rodríguez López, así coma a coordinadora da Aula tudense, Margarita Pino Juste. No decurso do acto tomarán tamén a palabra diversos alumnos e profesores deste Aula tudense e se entregarán os diplomas acreditativos aos participantes nas diversas actividades impartidas pola Aula da Uned de Tui ao longo deste curso 2011-2012.
A Aula da Uned de Tui tense consolidado con este segundo ano de funcionamento como unha referencia para a formación universitaria da Tui e a sua bisbarra. Se no primeiro curso foron case 70 os alumnos matriculados, neste curso 2011-2012 houbo un importante incremento chegando ata os 100 alumnos no curso de acceso e ata 120 alumnos nas diversas accións formativas desenvolvidas ao longo deste curso escolar. Cabe destacar tamén que aínda que non se imparte na aula hai un número crecente de matriculados nos novos grados chegando aos 37 alumnos e nas titulacións a punto de extinguirse licenciaturas e diplomaturas matriculáronse 17 persoas dan osa localidade.
Para Vanesa Rodríguez Pereira, concelleira de educación e cultura do Concello de Tui, a consolidación deste Aula como unha oferta permanente do Concello de Tui para o acceso á formación, á educación e á cultura é unha grande satisfacción. A impartición na nosa cidade do curso de acceso á Universidade e nun futuro próximo dalgún grado universitario testemuña o importante compromiso que o goberno municipal posúe en materia de educación e formación que non resultan afectados polas limitacións orzamentarias. Para Vanesa Rodríguez ofertar que os veciños de Tui poidan acceder a unha formación universitaria na nosa cidade é promover o benestar e a calidade de vida e favorecer o acceso á educación e a formación ferramentas imprescindibles nestes tempos de crises laborais.

Sem comentários:

Enviar um comentário