quinta-feira, 21 de junho de 2012

O equipo infantil do TYDE foi recibido no Concello tras o seu ascenso a 1ª División


Este mediodía tivo lugar no salón de sesión da Casa do Concello de Tui a recepción oficial ao Tyde infantil logo de lograr o seu ascenso a 1ª División nesta categoría. 
No Concello foron recibidos polo alcalde, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo e os concelleiros Jose Angel Villaverde e Ángel Gutiérrez. Estiveron acompañados do presidente do Tyde, Jesús González, e dos seus adestradores. 
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, manifestou que era una honra poder brindarlles esta recepción, amosando o seu convencemento en que no futuro terán novos éxitos froito, dicía, do gran traballo que desenvolven os adestradores, a directiva e o presidente do Tyde. Desexaba tamén o edil que volvan “os anos de gloria do Tyde” acadando polo menos a 3ª División. 
O alcalde, Moisés Rodríguez, coincidiu con Nicolás Lorenzo no desexo de que o Tyde regrese a 3º División xa que no seu parecer Tui merece un equipo nesta categoría. Pero puntualizaba que “un equipo non se fai se non hai canteira e un traballo previo de adestradores e directiva”. Dirixíndose aos xogadores lles lembraba que o máis “importante é sodes un equipo” felicitándoos polo ascenso logrado.
O presidente do Tyde, Jesús  González, daba as grazas ao concello esta recepción que reflicte a aposta que se fai polo deporte. Agradecía amais aos xogadores a magnífica temporada que realizaron onde dicía que “demostraron que son capaces de calquera cousa”. Tamén felicitaba aos adestradores por estes resultados. 
No nome do Tyde Infantil tomaba a palabra un dos xogadores, David Solleiro, quen agradecía a recepción que lles brindaron. Explicaba que ao comezo da temporada moitos nin se coñecía e pensaban que non ía facer nada, pero fixeron unha piña e lograron ser os gañadores do campionato. O seu adestrador Javier Tejido agradecía a oportunidade que lle deu a directiva do Tyde de facerse cargo do equipo, explicando que a comezos da temporada eran 12 xogadores e remataron sendo 21, se foron coñecendo e formaron un grupo. Agarda repetir o éxito na próxima temporada. 
Por último o concello obsequiou aos xogadores e adestrares cun chuvasqueiro que na parte dianteira ten impreso o escudo do Tyde e na parte posterior o escudo do Concello.

Sem comentários:

Enviar um comentário