Os fortes vencellos históricos que unen Tui con Valença exténdense a aspectos sociais tan importantes que a súa repercusión chega a se apreciar no urbanismo de ambas cidades.
Un dos fenómenos de sociabilidade relixiosa medieval máis interesantes eran os beaterios, cuxa forma máis depurada sería as das “beguinas” en Flandes, hoxe en día aínda en actividade. Os beaterios non deixaban de ser comunidades de mulleres que por diferentes motivos se afastaban da vida social do seu tempo e se xuntaban en congregacións non reguladas pola igrexa aínda que sí baixo a súa tutela.
Na Península Ibérica as formas de beaterio baixomedieval terán as súas particularidades e expresarán máis un carácter eremítico que comunitario. É o fenómeno das “emparedadas”, as mulleres que abandonaban a súa vida e chegaban a recluirse entre catro paredes, sen apenas contacto humano agás para recibir a comunión (1) ou a súa estoica alimentación.
En Tui durante os séculos XIV e XV localizamos varios emprazamentos de “emparedadas”: entre a rúa das Adegas (actual Seijas) e a Praza de Santa María (actual San Fernando)(2); na vella rúa da Porta Vergán (hoxe de San Telmo); e na antiga rúa da Oliveira (hoxe das Monxas).
En Valença non temos constatado a presenza de emparedadas, pero o certo é que puido habelas do mesmo xeito que noutras cidades portuguesas e tal e como estaban presentes en Tui. Pero aínda que as emparedadas non aparezan, sí que o fixeron os “beaterios”. A visita do rei Afonso V ao Minho en 1462 manifesta a presenza dunha comunidade relixiosa de mulleres, así o rei as privilexia coa concesión dun home e dunha muller para o seu servizo: “A quamtos esta carta virem fazemos saber que nos queremdo fazer graça e merce por esmolla aas beatas que estam em a nossa villa de Vallemça de Minho teemos por bem e nos praz que huum homem com sua molher que tiverem carreguo de as servirem das cousas que lhe fizerem mester sejam priviligiados e escusados de nam paguarem em nhuuas peitas fintas talhas pedidos serviços nem emprestitos...”(3).
En Tui a existencia dun beaterio maniféstase nun documento de 1480. No foro dunha casa na rúa da Oliveira (hoxe das Monxas) aparece a mención “da caustra das privadas”(4), unha clara referencia a un beaterio, xa que os mesmos configurábanse arredor dun patio ou “claustro” para a súa vida en comunidade.
A formación dos beaterios en Valença e Tui son froito dunha situación social especial en ambas marxes do Miño. As guerras que asolan o territorio ao longo do século XV repercutirá na estrutura social de amba-las urbes. O incremento de mulleres viúvas e solteiras e a súa pobreza motivan a creación e incremento destes beaterios, que no caso tudense amosa unha clara continuidade co modelo das “emparedadas” cuxas antigas propiedades deberon herdar(5).
Os beaterios transformaranse a fins da Idade Media en congregacións reguladas, principalmente baixo a orde terceira penitencial de San Francisco, como son os casos de Valença e Tui, e que popularmente se denominarían como “clarisas”.
O beaterio de Tui sería regulado polo bispo Pedro Beltrán (1487-1505) nunha data imprecisa durante o seu episcopado (6). É o momento que funda o mosteiro de Nosa Señora da Concepción, baixo a regla terceira de San Francisco. Pedro Beltrán dotará ás monxas de casa e oratorio ubicándose tras a cabeceira catedralicia, no espazo que a partires de 1545 será lugar da Santa Casa de Misericordia. Aínda que o beaterio tiña a súa casa na actual rúa das Monxas, casa gótica aínda conservada e pertencente ao mosteiro da Concepción, o mosteiro terá un asentamento diferente, tal e como revela o apeo de casas de Álvaro de Garabatos para 1556(7): “... que el suelo que está junto a su casa según parte de la parte de ariba con un pedaçillo de suelo que ba a longo de la casa de la yglesia de la mysericordia y con huerta del can[onigo] R[odrigo] Martinez q[ue] fue todo ello del mon[asterio] de las monjas adonde solia estar el dicho monesterio y de la parte debajo parte con casa del dicho can[onigo] en que bibe ques ansi mismo del dicho cabildo y entesta por abajo en el suelo del forno da enfesta y sale ariba a la calle q[ue] ba para la plaza de la calle da triperia...”.
O Papa León X en 1515 ratificará e privilexiará o mosteiro da Concepción, dando os permisos para a súa ampliación futura(8). Na bula menciónase a casa e capela onde estaban as monxas e estarán ata que en 1545 se transladen xunto da igrexa de Santa María da Oliveira, doada polo bispo Miguel Muñoz en 1540 e ampliada a doazón en 1544 (9). Será neste momento cando a Casa de Misericordia mude a súa ubicación, desde San María da Oliveira ata as costas da Catedral. Aproveitarían o vello oratorio das monxas, no que realizarían varias inscripcións(10) sobre a porta gótica co gallo deste reasentamento.
Os restos deste oratorio aínda estarían visibles ata comezos do século XX, cando a capela da Misericordia sufre unha importante reforma.
Coetáneo do proceso tudense será o que se produza en Valença. O beaterio transformarase no mosteiro do Bom Jesús, baixo a orde terceira franciscana, o primeiro de setembro de 1499 por bula do Papa Alexandre VII(11). Se no caso tudense a iniciativa da súa fundación regular era episcopal, no caso valenciano sería debido ao padroádego particular. Fernão Caramena (12) realizaría a fundación do convento de Santa Clara do Bom Jesus a partir do primitivo beaterio. A súa filla, Leonor Caramena, ficaría como abadesa perpetua mentres que o padroado sería exercido pola familia Abreu, sendo a capela maior o seu lugar de enterramento.
Coa incorporación das terras de Entre Minho e Lima ao arcebispado de Braga en 1514, o convento de Santa Clara ficaría sometido á obediencia dos arcebispos, tal e como se sinalaba no rexistro das confirmacións do arcebispo Diego de Sousa(13) (1505-1532).
O convento de Santa Clara do Bom Jesus era extremamente pobre nos seus primeiros tempos, e así consta nun preito fiscal que a Casa de Contratación de Sevilla realiza co convento en 1567 pola herdanza de Sebastián Núñez Boto, orixinario de Viana e que deixara como herdeira a súa irmá, Susana Barrosa monxa no convento valenciano(14). A abadesa de Santa Clara, Inés de Brito, alegaba e presentaba as testemuñas que declarasen a veracidade do parentesco de Susana Barrosa, e entre os argumentos agromaba a pobreza do mosteiro e das súas monxas, todas de orixe fidalga. O proceso remataría coa confirmación da herdanza e entrega a través dos procuradores nomeados polo convento dos 56.425 maravedís resultantes dos bens do defunto Sebastián Nuñez Boto, o que era unha cantidade apreciable para a época.
No século XVIII o convento de Santa Clara estaba noutra situación económica. Pedro II de Portugal (1683-1706), mostraríase xeneroso co mosteiro do Bom Jesus de Valença, permitindo que o mesmo gozase dunha mellor economía (15) o que posibilitaría tamén a riqueza artística dos seus edificios. O convento estaba ubicado na inmediación da colexiada de São Estevão , co seu templo e claustro.
En 1706 o número de profesas chegaba a setenta, o que reflectía a súa importancia(16). En 1769 abandonarían Valença para se dirixir a Braga ocupando primeiro o colexio de San Paulo e logo uníndose ao convento dos Remedios.
A súa marcha de Valença provocaría a desaparición material do edificio conventual, utilizado como almacén militar e logo como hospital, chegaría a desaparecer completamente no século XIX por ruina, ocupando o Hospital da Caridade unha parte dos vellos terreos do Bom Jesus.
O convento da Concepción de Tui tería unha historia moderna dispar da súa homóloga valenciana. No século XVII implementarán a clausura conventual nun vello e importante sector da cidade medieval, a Oliveira. No século XVIII as melloras e reedificacións de partes dos edificios conventuais só incidirán no aspecto ornamental e non estrutural do convento. A relación entre “clarisas” e cidade sería importante para a súa subsistencia ao longo dos últimos séculos e a súa permanencia en Tui aínda na actualidade.
Tui e Valença mostran aquí evolucións parellas nas súas comunidades relixiosas femininas. De beaterios de tradición medieval a ficar ubicadas baixo a orde de Santa Clara. Incluso chega a ser importante o seu papel no urbanismo barroco. No caso tudense estruturando unha área medieval da cidade como era a Oliveira, mentres que en Valença ocupaban o centro da vila transformando profundamente a súa imaxe, algo que por desgraza afectaría moito co seu abandono e ruina e o baleiro xerado con posterioridade. As relacións artísticas maniféstanse no convento da Concepción de Tui coa súa fachada sur en estilo barroco portugués. Do que sabemos do Bom Jesús de Valença era a aplicación da técnica do «azulejo» no seu interior representando pasaxes da vida de Xesús e de San Francisco, mentres causaban admiración os dous púlpitos e altares laterais que serían reaproveitados no mosteiro de Mosteiró (Cerdal-Valença).
Resulta salientable como en moitos aspectos Valença e Tui manteñen historias parellas que non fan máis que profundizar nas estreitas relacións que a vecindade producía marcando con ela unha extraordinaria influencia nas súas realidades históricas.
Por Suso Vila, doctorando da Universidade de Santiago de Compostela
Sem comentários:
Enviar um comentário