O vindeiro sábado 16 de xuño achégase ata Tui unha actividade promovida pola Secretaria Xeral de Politica Lingüística denominada “Galego de cine” e está orientada a rapaces de 6 a 12 anos de idade que deben inscribirse previamente na Biblioteca Municipal de Tui, ben persoalmente ou a través do correo electrónico biblioteca@concellotui.org. Esta actividade terá lugar na Biblioteca Municipal de Tui a partires das 11,00 horas da maña.
Trátase dunha pequena caravana que ven percorrendo as localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística proxectando curtas de animación en galego para nenos e nenas de 6 a 12 anos. O visionado irá acompañado de actividades de comprensión das películas Estes terán ocasión de participar, posteriormente, nunha serie de actividades que lles permitirán ter un papel activo no seu achegamento ao cinema na nosa lingua a través dun vídeo-matón onde os cativos crearan a sua propia historia mediante a oralidade. Os resultados deste traballo poden verse na canle de Youtube Galego de Cine.
Cando finalice a viaxe da caravana de “Galego de cine” polos concellos galegos farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara por cada grupo de nenos e nenas participante na actividade. Cadaquén poderá votar polo seu favorito e os gañadores recibirán o libro-DVD “O soldadiño de Chumbo”.
Este obradoiro de cine para cativos forma parte do programa “FalaRede!” que promove a Secretaria Xeral de Política Lingüística con 250 actividades repartidas entre as 93 entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística para promover o uso do galego.
Esta actividade, en palabras da concelleira de educación e cultura do Concello de Tui –Vanesa Rodríguez Pereira- buscar crear espazos de uso e aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura e ás tecnoloxías da comunicación. Vanesa Rodríguez anima aos rapaces e as súas familias a participar nesta actividade que promove o uso e coñecemento do cine nos nosos rapaces máis cativos.
Sem comentários:
Enviar um comentário