segunda-feira, 11 de junho de 2012

PRESENTADO ESTA MAÑA O CENTRO DE DINAMIZACIÓN INTEGRAL DE MULLERES DE TUI


Esta maña foi presentado, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui, o novo Centro de Dinamización Integral de Mulleres que con caracter transfronteirizo comezou a funcionar na nosa cidade hai escasamente un mes. A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes Moldes e o técnico do CEDIM, David Lorenzo Ramos.
O CEDIM é un Proxecto europeo, que pretende promover redes de cooperación transfronteiriza, coa creación dun Centro para a Dinamización das Mulleres, de ambos lados da fronteira. Este Centro pretende optimizar os recursos e impulsar políticas de igualdade, formando así un novo servizo compartido da Eurocidade Tui-Valença, pero cunha vocación de atender ás mullres do Baixo Miño e outras comarcas de Galicia e da zona do Alto Minho portugués. Ademais dos Centro de Tui existen outros nos Concellos de A Cañiza, Monterrei e Vila Verde.
As entidades responsables deste Proxecto son a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Comissâo para a Cidadanía e Igualdade de Género de Portugal e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Este proxecto está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e nun 25% polas entidades responsables. O Concello de Tui tamén colabora neste proxecto, facilitando as instalacións e os medios necesarios para levalo a cabo. 
O noso principal obxectivo, sinalou o responsable do centro David Lorenzo, é promocionar o principio de igualdade de oportunidades, mediante un servizo de atención integral. Sensibilizando á sociedade da necesidade de erradicar as trabas de igualdade e problemas como a violencia de xénero. Incentivar ás mulleres na defensa dos seus dereitos e as súas posibilidades para atopar traballo, mediante formación continua. Neste eido tamén queremos fomentar o autoemprego e emprendurismo.
Amais o Cedim pretende ser unha canle de coordinación entre os diferentes organismos e recursos de que  dispoñen as mulleres. Finalmente aspiran ao desenvolvemento dunha plataforma web de promoción da incorporación das mulleres ó mercado laboral.
Para acadar éstes obxectivos as funcións a desenvolver son moi variadas: 
- A principal é axudar na busca activa de emprego orientando e formando ás mulleres.
- Ofrecer atención social, valorando as demandas e derivando ós departamentos específicos 
- Asesoramento xurídico en todos os temas relacionados coa muller: familia (divorcios, custodias, pensións...), laboral, mercantil, civil, penal... 
- Fomentar o asociacionismo e o autoemprego, asesorando na súa constitución e axudando na procura de axudas e subvencións.
- Informar e tramitar dos recursos e axudas dispoñibles, sobre todo nos casos de violencia de xénero. 
- Realizar un seguimento personalizado das usuarias e as súas necesidades, para garantir a efectividade das actuacións propostas.
O Cedim atende ao público no primeiro andar do Edifico Área Panorámica, con entrada pola parte traseira do edificio, en horario de lúns a venres de 09,00 a 13,30 horas.

Sem comentários:

Enviar um comentário