sexta-feira, 29 de junho de 2012

GRANDES ÉXITOS DOS DEPORTISTAS TUDENSES


Iván Alonso e Alberto Díaz Campións da Copa do Mundo de Maratón e o Club Remo do Miño e o Club Remo Tui acadaron bos resultados no Campionato de España de Remo Olímpico.
O deporte tudense acadou este fin de semana grandes éxitos a nivel nacional e internacional. Os padeeiros do Club Kaiak Tudense afrontaron dúas competicións internacionais, o Campionato de Europa de Piragüismo en Pista, na cidade croata de Zagreb, e a Copa do Mundo de Maratón, na cidade danesa de Copenhague. E o Club Remo do Miño e Club Remo Tui participaron no Campionato de España de Remo Olímpico, no encoro de Castrelo do Miño.
Iván Alonso proclamouse Campión na Copa do Mundo de Maratón de Piragüismo na categoría K1 Sénior na regata celebrada na localidade danesa de Copenhague. Neste mesmo campionato, Alberto Díaz tamén acadou a medalla de ouro na categoría K1 Veterano. Ambos os dous demostran o bo estado de forma na súa preparación para o Campionato de España de Maratón que se celebrará na nosa cidade, no mes de agosto. Mala sorte para Manuel Garrido, quen tivo un contratempo na primeira ceavoga ao caer á auga, o que o obrigou a abandonar a proba.
No Campionato de Europa de Piragüismo en Pista, José Luis Bouza en C2 1000 e 200 metros e Diego Piña no K4 1000 metros enfrontáronse aos mellores padeeiros europeos, conseguindo bos resultados.
Por outra banda, no Campionato de España de Remo Olímpico, os remeiros tudenses acadaron 2 medallas de ouro, 5 de prata e 2 de bronce.
O Club Remo do Miño conseguiu as medallas de ouro no 4x ABM, cos remeiros Cristian, David, Iago e Jorge André, e 2x VM, co barco integrado polos remeiros Ledo e Diego. Tamén acadaron a medalla de bronce na categoría 4+ ABM, de Isaac, Miguel, Bruno, Roberto e Nadine como temoneira.
O Club Remo Tui acadou as medallas de prata nas categorías 4x ABF, con Nuria, Mela, Eva e María; 2- ABM, cos remeiros Suso e Sergio; 4x ABM, de Suso, Sergio, Ignacio e Alfonso; 1x ABF de Nuria e 4+ VM, de Mon, Seve, Rui Manuel, Manu e Beatriz como temoneira. Tamén acadaron a medalla de bronce na categoría 8+ VM, cos remeiros Carlos, Manuel, Rui Manuel, Plácido, Manu, Seve, Mon, Javi e Lidia como temoneira.
Dende o Concello quérese felicitar a tódolos deportistas polos éxitos acadados, así como ao Club Kayak Tudense, Club Remo do Miño e Club Remo Tui, polo esforzo e dedicación na preparación dos seus deportistas. Para o Concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, estes éxitos demostran o alto nivel do deporte tudense, que obriga ao concello a traballar man a man cos clubs para darlles todo o apoio posible.

Sem comentários:

Enviar um comentário