O próximo domingo 24 realizarase a sétima Andaina Saudable Eurocidade 2012, “Castro dos Cubos”, organizada pola Eurocidade Valença – Tui.
O punto de encontro será o Torreiro da Festa de San Miguel do Anxo (Pazos de Reis), ás 09.00 horas (españolas). Para todas aquelas persoas que non coñezan esa localización, quedarase ás 09.00 horas españolas na gasolineira da Repsol do Parador de Tui. O percorrido terá unha duración de aproximadamente 2h30’ e o grao de dificultade é baixo.
Breve descrición:
O punto de encontro e remate desta rota é a igrexa parroquial de Pazos de Reis, principiamos por una carreiro entre viñas altas que nos leva a un lavadoiro antes de adentarnos no monte e iniciar o ascenso cara o Aloia entre enraizados camiños que nos conducen á Macoca.
Con esta camiñada contemplaremos a vista panorámica do Vales do Miño e do Louro que domina o Alto chamado Castro dos Cubos, lugar no que queda constancia dun poboado castrexo, da Idade de Ferro. O castro, datado en torno ao s. I a. C - tamén denominado como Cabeza de Francos debido a un asentamento galo nas proximidades pertencente á época de Napoleón Bonaparte - acollía unha sociedade baseada na agricultura e na gandería que tamén practicaba a caza, a pesca, a recolección e realizaban algunha actividade manufactureira, como curtido de peles e fabricación de útiles de pedra, bronce, madeira e ferro.
O Alto dos Cubos levantase a 270 m sobre o nivel do mar. Neste poboado castrexo - contornado polas pegadas dunha muralla ciclópea - pódense apreciar varias vivendas que foron escavadas por primeira vez en 1933, dúas de elas conservan o vestíbulo e actualmente están parcialmente reconstruídas. O material arqueolóxico atopado en diversas catas posteriores: morteiro, muíños de man e vasillas, confirman que este asentamento, sufriu un proceso de aculturación co mundo romano nos albores da nova era.
Punto de encontro:
Torreiro da Festa de San Miguel do Anxo (Pazos de Reis)
Coordenadas 42º 3'34" N / 8º 38'44" O
Sem comentários:
Enviar um comentário