O concelleiro do Conxunto Histórico e Rehabilitación, Nicolás Lorenzo Montes, amosa a súa satisfacción polo resultado do proceso de exposición pública do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui pois os cidadáns tiveron amplo acceso a este documento garantindo a máxima transparencia neste proceso de aprobación do instrumento básico de planificación do conxunto monumental tudense.
O Plan Especial do Conxunto Histórico estivo en exposición pública do 11 de abril ao pasado 11 de xuño, durante este período e dous días á semana (un total de 17 días) un técnico do equipo redactor atendía as consultas dos cidadáns. Amais outro membro do equipo técnico redactor mantivo ata catro reunións cos propietarios dos polígonos de actuación do Pepch. Este período de exposición pública é o máximo permitido pola lexislación vixente, deste xeito o goberno municipal apostou por facilitar o acceso dos cidadáns a este documento con total transparencia promovendo a súa participación a través das alegacións.
De media se atenderon en cada xornada 13 persoas ou grupos de persoas que reclamaban información sobre unha media de 21 propiedades diferentes. Foron arredor do 220 consultas que afectaban a máis de 350 propiedades. E finalmente, foron un total de 122 as alegacións presentadas a este proxecto de Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui.
O persoal técnico amais de informar sobre o contido do Pepch ofrecía un modelo de alegación, e incluso nalgúns caso prestouse axuda a súa redacción.
Nas consultas efectuadas salientan como principais aspectos os seguintes:
volume máximo edificable
condicións de edificación e materiais
posibilidade de efectuar cambios de uso
e moi abondosas foron as consultas sobre o réxime denominado “fora de ordenación”.
Paralelamente a esta consulta personalizada existía un sitio web onde durante o período de exposición pública foron realizadas 1.739 visitas, cunha media de 19 consultas diarias. Estas visitas eran alongadas pois cada visita implicaba unha media de 63 clics e unha descarga de 10Mb de información.
Para Lorenzo Montes este amplo número de consultas e as consecuentes alegacións ao documento aprobado inicialmente testemuña o interese dos veciños de Tui por este Plan e como dende o Concello se promoveu o máximo de información a todos os veciños e interesados. O concelleiro resalta que este plan foi redactado en base a criterios técnicos e patrimoniais.
Salienta o concelleiro como con este novo paso avánzase na culminación do proceso de aprobación desta figura de planeamento e conservación do conxunto histórico tudense, que sinalará un fito nas políticas municipais de protección do patrimonio monumental da nosa cidade, testemuñando o compromiso do goberno municipal nesta materia. Rematada a súa tramitación por vez primeira o conxunto histórico tudense contará cunha ferramenta de ordenación que garanta a súa conservación e posta en valor.
Sem comentários:
Enviar um comentário