Na tarde de onte tivo lugar en Tui unha asemblea na que participaron os Alcaldes de Tui, O Porriño, Mos e Salceda de Caselas xunto ao Director Xeral de Augas de Galicia e os concelleiros dos citados concellos para a aprobación definitiva dos Estatutos que regularan o Consorcio para xestión do ciclo urbano da auga do Louro.
Para o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración desta asemblea coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente é unha feliz circunstancia e que testemuña o compromiso das diversas administracións públicas e especialmente os concellos ribeireños do Louro e a Xunta de Galicia pola conservación do noso medio natural
Cómpre recordar que no ano 2009 o Goberno da Xunta de Galicia puxo en marcha a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Guillarei e impulsou a creación dun consorcio que se encargara da xestión do sistema de saneamento do Louro, o cal inclúe a citada EDAR. Pero o novo ente irá máis alá da idea inicial de xestión da EDAR de Guillarei, xa que se encargará de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial.
O novo consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos 58.918 habitantes dos 4 concellos pontevedreses. A prestación deste servizo integral implica a garantía ambiental para o río Louro, non só coa xestión do saneamento, senón cun sistema de inspección máis rigoroso dos vertidos das industrias; o servizo da depuración da EDAR de Guillarei e a sostibilidade económica, financeira e institucional na xestión.
O consorcio configúrase como local, aínda que con participación autonómica, polo que a Xunta permanecerá para garantir a sostibilidade institucional e económica nos primeiros anos, ata o seu autofinanciamento.
Tras a asemblea de onte está previsto que o Consorcio esta constituído definitivamente antes de final do presente ano 2012 comezando o seu funcionamento.
Sem comentários:
Enviar um comentário