O Concello de Tui quere clarexar aos veciños e especialmente aos asinantes dunha alegación ao Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui que a creación dun estacionamento de vehículos nas pistas deportivas do Seminario é unha medida que vai nun contexto máis amplo de reordenación dun ámbito existente no Plan co obxectivo de mellorar os espazos públicos da nosa cidade e que no propio Pepch no se establece que o tránsito deste aparcamento discorra polo Paseo da Corredoira.
En concreto sobre este estacionamento cómpre salientar o seguinte;
O aparcamento proposto no PEPCHA non contempla o acceso nin saída polo Paseo da Corredoira.
O aparcamento proposto no PEPCHA parte do acceso por Coengo Valiño e Antero Rubín (en dobre dirección), para acceder por un vial de nova apertura ata a zona de aparcamento e saída á rúa Bispo Lago continuando o tráfico por Antero Rubín e Coengo Valiño.
En caso de non executarse estes dous viais (de entrada e saída desta zona onde se ubicaría o estacionamento) e executar soamente un, sería de dobre dirección provisionalmente, por eso está prevista unha rotonda para permitir os xiros.
Por tanto o Pepch nunca prantexa un acceso polo Paseo da Corredoira, máis aínda na propia memoria do Pepch figura procurar que nun futuro este paseo sexa peonil. Neste contexto foron desbotadas outras alternativas de aparcamento existentes pois implicaban o tránsito polo Paseo da Corredoira. Por tanto as razóns e alternativas que aduce esta alegación están contempladas no propio Pepch.
Para Nicolás Lorenzo Montes, concelleiro de Rehabilitación e Conxunto Histórico esta lexitima alegación xorde por un descoñecemento da totalidade do Plan Especial que abranguen un amplo número de medidas tendentes á protección, conservación e valorización do noso conxunto patrimonial. É máis, este aparcamento é unha das medidas contempladas na reordenación dun ámbito e que, dende o respecto ao dereitos dos seus propietarios e tamén promotores desta alegación segundo figura nos medios de comunicación, impulsan a creación deste aparcamento e a dotación dun amplo parque público de 5.000 m2 neste céntrico espazo da nosa cidade. O estacionamento está pensando tanto para os residentes no conxunto monumental como para os visitantes que se achegan ata Tui, e contará con acceso peonil dende o propio Paseo da Corredoiro a través da Travesía do Seminario ou de San Domingos, que sería tamén o acceso a este novo parque público que incrementaría substancialmente as áreas verdes do centro urbano da nosa cidade.
O Pepch detecta unhas necesidades de estacionamento de arredor de 483 prazas (que comprende 321 derivadas de dotar a cada vivenda cun vehículo e 162 dos actuais estacionamento na zona “intramuros” que se suprimen coa peonalización do conxunto histórico). A ubicación de estacionamentos presenta moi escasas posibilidades, buscando esta alternativa que é a que presenta unha menor afección ao patrimonio e aos particulares. A posibilidade de creación de estacionamentos fóra do ámbito do Pepch non pode ser contemplada neste documento e para lograr unha zona de aparcamento o máis próxima aos lugares de residencia dos veciños do conxunto histórico optouse por esta alternativa, nas pistas deportivas do Seminario, como solución máis racional e sustentable.
O Pepch, reitera o concelleiro Lorenzo Montes, é unha ferramenta de protección e ordenación urbanística do conxunto histórico de Tui e que, co tempo, significará unha mellora substancial da calidade de vida na nosa cidade. A elaboración deste Plan é un amplo traballo e as súas medidas afectan a numerosos veciños que lexitimamente defenden os seus intereses mediante as correspondentes alegacións, que o Concello estudará con especial atención para lograr un documento que goce do máis amplo consenso social.
Finalmente, o concelleiro Nicolás Lorenzo Montes desculpase polo erro producido nunhas manifestacións recollidas por un medio de comunicación sobre a presentación de alegacións ao Pepch por parte de grupos políticos da Corporación, pois certamente o grupo municipal socialista presentou un escrito de alegacións ao Plan.
Sem comentários:
Enviar um comentário