Na mañá do martes 12 de xuño, foi asinado na Casa do Concello de Tui o Acordo Regulador e Convenio Colectivo que rexe as condicións de emprego do persoal do Concello de Tui, tanto funcionarios como persoal laboral. Neste acto foron asinados pois o Acordo regulador e o Convenio Colectivo das condicións de emprego do persoal funcionario e persoal laboral do Concello de Tui, por parte do Alcalde e Concelleiro de Persoal así como polos representantes dos traballadores.
Esta sinatura é o froito dun alongado proceso de negociación no seno da Mesa Xeral de Negociación (persoal funcionario e laboral) do Concello de Tui, coa presencia dos representantes dos traballadores e representantes do Concello que mantiveron máis de 12 xuntanzas de traballo para renovar estes instrumentos laborais que tiñan rematado no ano 2010, data dende a que foron prorrogados, e que terá vixencia ata o ano 2015, para facelos coincidir co mandato da actual Corporación Municipal.
Agora acadado e asinado o acordo definitivo, deberá ser sometido a aprobación por parte do Pleno da Corporación.
O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, amosa a súa satisfacción pola sinatura unánime destes acordos por parte dos sindicatos con representación no Concello de Tui: CCOO, CIG e CSIF e que supoñen dar continuidade ao anterior convenio por canto xa estaba nos máximos permitidos pola lexislación, e que agora debíase adaptar ás novas normativas legais de caracter laboral. O rexedor agradece o traballo realizado na Mesa de negociación con o positivo resultado dun convenio que garante os dereitos dos traballadores municipais e testemuña o traballo que día a día realiza o goberno municipal para un máis eficaz funcionamento do Concello de Tui.
Pola súa banda, o concelleiro de persoal, José Angel Villaverde Rocha, enumerou os principais aspectos destes convenios:
-Horario de traballo garantindo o cumprimento das 37,5 horas semanais, que xa figuraban no anterior convenio.
-Nova regulación dos órganos de seguimento do Convenio e Acordo con maior presenza sindical.
-Clarificación do ámbito de aplicación persoal.
-Actualización do catálogo de dereitos (permisos, vacacións, licenzas e excedencias) dos empregados públicos, de acordo coa nova normativa vixente.
-Non alteración do sistema retributivo, na liña imposta polas Leis de Orzamentos Xerais do Estado. Actualización de grupos e niveis mínimos.
-Ampla regulación dos procedementos de consolidación de emprego temporal e interino e dos procesos de funcionarización.
-Regulación mais extensa dos dereitos sindicais.
-Regulación da xubilación (ausente no anterior convenio/acordo) incorporándose un novo capítulo regulando con detalle esta materia.
-Non recortes en incapacidade temporal (segue o 100% de retribucións nos primeiros 3 meses da baixa) A resultas das medidas do Goberno como resultado da nova reforma da función pública que se está a negociar.
Coa sinatura destes acordos, engade o concelleiro tudense, acádase no Concello de Tui un marco estable sobre as condicións de traballo dos empregados municipais, elemento básico para lograr unha maior calidade nos servizos que se prestan aos cidadáns.
Sem comentários:
Enviar um comentário