quarta-feira, 20 de junho de 2012

O CONCELLO DE TUI CONMEMORARÁ ESTE DOMINGO 24 DE XUÑO O CXXI ANIVERSARIO DOS XOGOS FLORAIS DE GALICIA


A concellería de Cultura do Concello de Tui conmemorará esta fin de semana o CXXI aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao seren o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua.
Así este domingo 24 de xuño celebrarase un recital poético ás 19,00 horas na Igrexa de San Domingos no que participarán os poetas Manuel Forcadela e Marta Dacosta. No decurso do recital poético haberá un acompañamento musical ao acordeón polos alumnos do Conservatorio Municipal de Música de Tui, Alexandre González Fernández e Sheila Domínguez Gómez.
O Concello de Tui ven realizando dende o ano 2008 un acto poético en lembranza deste acontecemento cultural de tanta transcendencia para a cultura de Galicia. Téñense achegado ata Tui voces como Darío Xohan Cabana, María Xosé Quizán, Eva Veiga, Yolanda Castaño, Marga do Val, Alfonso Pexegueiro, etc. Neste ano, comenta a concelleira de cultura tudense – Vanesa Rodríguez Pereira-, contaremos con dúas voces moi ligadas á nosa comarca do Baixo Miño: Manuel Forcadela e Marta Dacosta, que co recitado dos seus versos farán memoria daquela gloriosa xornada. 
Xogos Florais
Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado exclusivamente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".
Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o coengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén coengo Manuel Lago González, Juan Ávarez Cordero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete “rexionalista” ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse.

Sem comentários:

Enviar um comentário