sexta-feira, 15 de junho de 2012

O CONCELLO DE TUI PARTICIPA NO ACTO CONMEMORATIVO DO CINCUENTENARIO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS O SÁBADO NA CORUÑA


O sábado 16 de xuño ás 18 horas, na Praza de María Pita, celebrarase un acto en conmemoración do cincuentenario do Día das Letras Galegas, “Cincuenta voces para o cincuenta aniversario do Día das Letras” organizado pola Real Academia Galega. No transcurso do evento, a palabra das figuras homenaxeadas ao longo destes 50 anos escoitarase na voz dos representantes dos concellos os acolleron no seu municipio os actos de celebración desta festa das Letras galega.
Así a concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, representará á nosa cidade neste acto pois na nosa localidade tiveron lugar os actos do “Día das Letras Galegas” de 1973 no que se homenaxeaba ao arcebispo e escritor Manuel Lago González. A concelleira tudense recitará un poema de Lago González no decurso deste evento conmemorativo.
Ao remate do acto terá lugar un acto simbólico levado a cabo por escolares chegados de distintos lugares da xeografía galega.
Está previsto que a esta celebración, que pecha o programa de actos conmemorativos arredor deste aniversario do “Días das Letras Galegas”, e que se celebra na cidade onde reside a Academia participen as máximas autoridades políticas e culturais do país.

Sem comentários:

Enviar um comentário