quarta-feira, 2 de maio de 2012

A BIBLIOTECA MUNICIPAL ACOLLE MAÑÁ “OS CONTOS DE RODARI” CON PABLISIMO


A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle mañá xoves 3 de maio ás 18,00 horas unha sesión de contacontos a cargo de Pablisimo que representará o seu espectáculo “Os contos de Rodari”. Esta actividade forma parte da programación do Mes dos Libros que promove o centro bibliotecario tudense ao longo dos meses de abril e maio.
“Colle un pouquiño de contacontos, engádelle unha pinguiña de teatro, deixao ao baño María con animación á lectura, espolvorea un chisco de pantomima...e xa tes unha sesión de Pablísimo”  que desta volta nos ofrecerá unha escolma dos contos do escritor, mestre e pedagogo italinao Gianni Rodari, que está considerado coma un dos grandes especialistas e promotores da literatura infantil contemporánea coas súas achegas sobre a fantasía neste xénero literario.
Para a concelleira de cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, con esta nova actividade dirixida neste caso aos rapaces entre 4 e 9 anos de idade a Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa a desenvolver o seu programa de actividades que baixo a denominación de “Mes dos Libros” abrangue os meses de abril e maio cun amplo abano de ofertas de animación á lectura.
Será o vindeiro martes 8 de maio cando continúe este programa do “Mes dos Libros” agora cun obradoiro de mozos e adultos sobre literatura e internet a cargo da escritora e animadora cultural Estibaliz Espinosa.

Sem comentários:

Enviar um comentário