quarta-feira, 2 de maio de 2012

Este sábado celébrase en Tui “Únete á Volta”



Un percorrido de seis quilómetros e medio e unha dificultade baixa é a que presenta a iniciativa “Únete á Volta” que este sábado a partir das seis da tarde se vai celebrar en Tui organizada pola Deputación de Pontevedra e do Concello de Tui, coa colaboración da Club Ciclista Biciosos Rías Baixas. O obxectivo é o fomento da práctica deportiva, tanto por nenos coma por maiores, e neste caso tamén en familia.
Esta actividade deportiva foi presentada esta mañá na Casa do Concello de Tui polo alcalde, Moisés Rodríguez, a deputada de Deportes, Begoña Estévez, e o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo.
O edil de Deportes, Nicolás Lorenzo, explicou que “Únete á Volta” busca promocionar o paso da Volta Ciclista a España por varias localidades da provincia – aínda sen confirmar – o próximo mes de agosto. Lembraba que anteriores edicións da festa da bicicleta tiveron unha gran acollida,  salientaba que este sábado vai ser un día de festa entorno á bicicleta, polo que animaba a participar.  Deste xeito ábrese en Tui un mes de actividades entorno á bicicleta, que continuarán en próximas fins de semana. 
A deputada de Deportes, Begoña Estévez, informaba que tres etapas da Volta Ciclista a España pasarán pola provincia de Pontevedra o próximo mes de agosto. Por este motivo decidiron darlle un valor engadido a antiga festa de bicicleta. 
Este evento, Únete á Volta, contará nas principais cidades coma Tui co montaxe de Unipublic. Ao remate do percorrido haberá sorteo de agasallos deportivos entre os participantes, así coma dunha bicicleta eléctrica valorada preto dos mil euros, ou pases para entrar as etapas da Volta a España. 
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosou o seu convencemento no éxito desta iniciativa que conta co selo de calidade da Deputación Provincial. Tamén aludía á importancia de transmitir hábitos saudables coma o deporte,animando aos tudenses a participar. 
A cita partirá ás seis da tarde do Paseo da Corredoira para facer un percorrido polo Conxunto Histórico, San Bartolomé, Rebordáns, Maristas, centro urbano e volver ao punto de saída.É obrigatorio o uso de casco.

Sem comentários:

Enviar um comentário