Ás veces as pescudas nos sorprenden con algunha descuberta de interese. Velaí o caso de hoxe. Un amigo pediume que investigase se existía algunha imaxe da, tantas veces lembrada, pedra oscilante do monte Aloia. Os recursos que hoxe nos ofrece a rede son certamente inconmensurables e nunha vella revista científica editada en Roquetas (Tarragona) atopo a fotografía dese famoso penedo. Figura esta imaxe, da que nos ocuparemos nun próximo “post”, nun interesante artigo da revista “Ibérica, do Observatorio do Ebro” de 1916 titulado “Excursiones científicas por el Norte de España” da autoría do xesuíta Longinos Navas que nos proporciona outra interesante imaxe.
A Revista Ibérica naceu en 1913 co obxectivo de difundir semanalmente o coñecemento científico e tecnolóxico da época. O proxecto foi pioneiro en España e logrou manterse noventa e un anos durante os que documentou a revolución tecnolóxica do século XX.
Trátase dunha “foto de familia (…) en la galería de la casa-residencia, calle San Telmo” onde figuran ata seis xesuítas. O pé de foto nos informa dos nomes dos retratados: PP. Navas, Mendes e Merino, xunto ao Irmá Roque, e os PP. Redondo, Tavares e Marinho. Nunha primeira impresión só o nome de Bartolomé Merino, S. J., notable erudito e profesor no Colexio da Pasaxe (A Guarda) resulta coñecido. Estamos no verán de 1915.
A curiosidade nos leva a pescudar nos protagonistas desta instantánea e nos agardan importantes sorpresas.
Tui acollía por aqueles anos a diversas comunidades relixiosas de orixe portugués que tiñan sido expulsadas do país veciño en 1910 coa implantación da República. Xa recollemos neste blog as referencias ás comunidades de Maristas, Doroteas ou Franciscanas Hospitaleiras que se asentaron en Tui na espera do retorno ás terras portuguesas. Os xesuítas tiñan, como nos informa este artigo, unha casa alugada na rúa San Telmo onde se toma a fotografía que achegamos e que é a casa co actual número 26 na que un grupo de membros portugueses da Compañía de Xesús residiron ata inicios do anos trinta en que puideron regresar a Portugal. Nesta residencia vivía un grupo de xesuítas que, entre outras misións, eran capeláns de diversas comunidades relixiosas tudenses: como os Maristas, que daquela tiñan o seu colexio na mesma rúa de San Telmo, ou as comunidades femininas de Doroteas, Hospitaleiras ou do Bó Pastor, acollidas ao exilio tudense agardando o regreso a Portugal. (....)
in Tudensia
Sem comentários:
Enviar um comentário