Nos últimos meses, varios deportistas da nosa localidade competiron en probas de nivel mundial, obtendo todos eles excelentes resultados, o que reflicte o bo traballo que están facendo os clubs tudenses, tanto na base como a nivel da elite.
O discóbolo Frank Casañas participou no Campionato do Mundo de Atletismo disputado en Moscú, onde acadou a novena posición da final, cun lanzamento de 62,89 metros. Lembrar que o atleta tudense obtivo a quinta posición nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.
No deporte do piragüismo, tanto José Luís Bouza como Óscar Carrera, participaron no Mundial de Piragüismo en Pista, na localidade alemana de Duisburgo. Buzo competiu na modalidade C1 1.000 metros e no relevo C1 200 metros, pero o tudense non puido acadar a final na distancia olímpica. Óscar Carrera, que competía na modalidade K4 1.000 metros, acadou a final do mundial, obtendo a oitava posición, cunha embarcación que traballa para acadar a clasificación para as olimpíadas de Río de Xaneiro 2016.
En próximas datas, os padeeiros Iván Alonso, Ramón Ferro e Óscar Graña, na modalidade do maratón, competirán no mundial de Copenhague. Iván Alonso, que proclamouse Campión de España en K2, obtivo desta forma a clasificación para este mundial nas modalidades K1 e K2, xunto ao padeeiro zamorano Emilio Merchán. Por isto, Iván terá a posibilidade de defender os títulos mundiais que acadou no ano pasado, no mundial maratón de Roma. Ramón Ferro e Óscar Graña, que tamén acadaron o Campionato de España en C2, defenderán o seu título de campións mundiais en Dinamarca.
No mundo do remo, Jesús González y Sergio Pérez competiron no Campionato do Mundo Absoluto de Remo Olímpico de Chungju, en Corea do Sur. Os remeiros do Club Remo Tui quedaron a escasas 21 centésimas do oitavo posto na modalidade catro sen temoeiro lixeiro. Este excelente resultado acadado obrígaos a seguir adestrando duro para clasificarse para Río 2016.
Tamén no deporte do remoergómetro, Alfonso Riveiro, do Club Remo Tui, acadou a medalla de ouro en categoría lixeiro na Olimpíada de Policías e Bombeiros “World Police&Fire Games”, disputada na capital de Irlanda do Norte, Belfast.
E o equipo master do Club Remo Tui, está en Varese (Italia), onde se disputa esta fin de semana o Campionato do Mundo de Remo Veterano.
Todas estas participacións en competicións internacionais, reflicten o nivel actual do deporte tudense, sostido co traballo diario na base por parte dos clubs tudenses.
Por isto, o Concello de Tui desexa felicitar aos deportistas, adestradores e xuntas directivas dos clubs tudenses polo excelente traballo que realizan a diario, que fai que a medio-longo prazo se obteñan resultados como os conseguidos ata agora.
Sem comentários:
Enviar um comentário