Terá lugar este sábado 14 de setembro cun carácter lúdico-festivo
O remo veterano ten unha cita este sábado en Tui coa celebración do III Encontro Masters Internacional de remo olímpico organizado polo Club Remo Tui coa colaboración do Concello de Tui. Máis de medio centenar de remeiros e remeiras daranse cita na cidade nunha xornada lúdico-festiva sen carácter competitivo. Así o explicaron esta mañá na presentación desta actividade o presidente do Club Remo Tui, Francisco Javier Álvarez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, e o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez.
A primeira hora da tarde do sábado chegarán os participantes neste Encontro dende distintos puntos tanto de Galicia, como Ferrol ou Vigo, como de Portugal, de localidades coma Setúbal ou Porto. As probas deportivas disputarase en embarcacións de Oito e de Catro Scull que deberán completar os 450 metros que separan a vella Ponte Internacional e o Centro Interfederado. Trátase sobre todo dunha xornada de convivencia entre remeiros que compiten ou competiron xuntos e que agora conforman unha mesma embarcación. As tripulacións son tamén mixtas e volven competir moitos que xa non están en activo pero que estiveron durante anos vinculados ao mundo do remo. Non faltará para o fin de festa a música e uns aperitivos. Así o explicaba o presidente do Club Remo Tui, Francisco Javier Álvarez.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, felicitou ao club organizador, o Remo Tui, porque “tal e coma ven demostrando conxuga o deporte base co veterano” logrando títulos coma subcampionatos alevíns, amais de estar presentes en Campionatos de Europa ou do Mundo en absolutos, ou no Campionato do Mundo de Veteranos en Italia celebrado a pasada fin de semana. Nicolás Lorenzo desexo que a xornada deste sábado sexa existosa.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou a conveniencia de practicar deporte como hábito saudable, ao tempo que aludiu á importancia de que Tui sexa un referente tamén no ámbito deportivo. O rexedor felicitou ao Club Remo Tui polo traballo e éxitos obtidos en pouco tempo.
Sem comentários:
Enviar um comentário