Unha das principais manifestacións da cultura prehistórica en Galicia son os chamados petroglifos ou gravados rupestres que atopamos nas rochas de granito, xeralmente situadas en outeiros de escasa altitude. En xeral se admite que a súa cronoloxía podemos situala entre o final do Neolítico, na transición entre o Calcolítico e a Idade do Bronce, é dicir entre o III e o II milenio a. C.
A técnica empregada para realizar os gravados foi o labrado mediante percusión, cun instrumento de pedra co que se trazaron os sucos, sendo o desgaste destes, a consecuencia da erosión, unha proba irrefutable da súa antigüidade. Existen dous tipos de deseños nestas manifestacións da arte rupestre: figurativos, como por exemplo os cervos, cabalos, figuras humanas e armas; e os abstractos, aqueles que non sabemos qué representan, como son as combinacións circulares ou con coviñas.
No municipio tudense non conservamos, quizais pola falla dun traballo de campo sistemático, abondosos exemplos destas manifestación culturais. Salientan especialmente dúas estacións, a chamada “As carneiras” en Baldráns, na propia beira do río Miño –unha ubicación moi excepcional- e a estación denominada “Rozacús” na parroquia de Randufe, descuberta no seu día polo inesquecible “Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño” que conformaban Jesús Gómez Sobrino, Aquilino González Santiso e Xoán Martínez Tamuxe. Case no termo municipal tudense está un dos máis impresionantes conxuntos de gravados rupestres, no monte Tetón, inmediato á parroquia de Malvas.
Este gravados están declarados expresamente como monumentos histórico-artísticos, hoxe dicimos Ben de Interese Cultural, polo decreto 3741/1974, de 20 de decembro (BOE de 10 de marzo de 1975) que estende esta declaración a 195 estacións rupestres da provincia de Pontevedra, entre elas a de “Rozacús”.
Esta estación está situada na parroquia de Randufe nunha aba do monte “Alto do Coello”. Son seis rochas situadas no lugar de Fontiñas gravadas con variedade de signos, unha delas recibe o nome de “Rozacús” por ser tradición de moitas xeracións de nenos e nenas o seu uso como tobogán, xa que logo, por asimilación o conxunto recibe o nome de Petróglifos de Rozacús.
Juan José Vilches Saco descrebe esta estación arqueolóxica do seguinte xeito: “repartidos entre varias rocas muy cerca de la carretera a Gondomar y desgastados algunos por la acción de los agentes atmosféricos, muestran diversidad de motivos: “coviñas” o cazoletas, cuadrados, crírculos, cruciformes, combinaciones circulares, serpentifomes, etc. Entre ellas, destaca un par de figuras de animales enfrentados, quizás caballos debidos a la ausencia de cuernos y a su larga cola” (Pregón das festas de Chan do Carrasco, 1992). Xa daquela Vilches sinalaba o preocupante estado de deterioro que sufrían estes gravados rupestres por diversas agresións vandálicas e pola ausencia dun coidado do lugar que provocaba que a vexetación ocultase todo este conxunto e contribuíse ao deterioro do mesmo.
Agora esta estación arqueolóxica ven de padecer unha nova agresión. Segundo a información proporcionada pola Comunidade de Montes de Randufe, e que temos comprobamos no terreo, os labores de limpeza e mantemento das liñas do tendido eléctrico efectuada por conta da empresa propietaria deste tendido supuxo unha intervención con medios mecánicos especialmente agresivos coa rocha que ten de provocado un novo estrago neste Ben de Interese Cultural.
Aínda que aparentemente non foi afectado ningún gravado –resta realizar un estudo pormenorizado-, lamentablemente o deterioro dalgunhas rochas e do seu entorno resulta irrecuperable e compre que os autores desta agresión asuman as responsabilidades que corresponden. Este feito, froito dun descoñecemento e dun desleixo inxustificables, agardamos sirva para impulsar o proxecto que a Comunidade de Montes de Randufe posúe de comezar -coa xuda do Concello de Tui e doutras das institucións que poidan implicarse- a limpeza e posta en valor deste enclave arqueolóxico que difunda os seus valores históricos e culturais e contribúa a evitar o seu deterioro e novas agresións que nos priven deste testemuño do noso pasado máis remoto.
Sem comentários:
Enviar um comentário