O próximo domingo 29 de setembro realizarase unha nova andaina saudable organizada pola Eurocidade Tui-Valença, dentro do circuíto de andainas saudables da Eurocidade, que percorrerá a ruta do Río Xabriña, no Concello do Covelo.
A ruta ten como punto de inicio o lugar de Paraños, no concello de Covelo, onde comezamos e percorre polas parroquias de Paraños, Prado da Canda e Lamosa, situadas nun val que forma o río Xabriña, afluente do río Tea.
O percorrido que é circular de 10 quilómetros, con unha duración aproximada de 3 horas, ten como principal protagonista ao río Xabriña e algún dos seus regatos. Ten dous tramos ben diferenciados: un de subida, pola marxe dereita do Xabriña, a través de coidados bosques con abundante vexetación propia das ribeiras e o segundo tramo, de baixada, pola marxe esquerda do río, que nos leva por sinuosas vereas de novo ata Paraños.
Dado que a organización disporá dun autobús para realizar o traslado ata o punto de saída, é necesario facer a reserva da praza no enderezo electrónico caminhadas.andainas@gmail.com ou na piscina de Valença, ata completar as prazas do autobús, tendo un custe de 2€ por persoa a aboar no día da andaina. O día límite para anotarse será o venres 27 de maio.
O autobús recollerá aos participantes no aparcamento do Centro Interfederado de Tui, ao carón do Parador de Tui, as 09.00 horas españolas, 08.00 horas portuguesas
Esta andaina do río Xabriña e a seguinte que se realizará en Valença o día 12 de outubro, enmárcanse dentro do proxecto OPEN DAYS 2013, que realizarase do 7 ao 10 de outubro en Bruselas, a semana Europea das Rexións e das Cidades. Trátase dun gran evento de 4 días de duración que celebrase anualmente e que ten como sede os edificios e representacións da Unión Europea en Bruselas. Actualmente converteuse nunha importante plataforma de traballo en rede para expertos no desenvolvemento rexional e local, e conta coa participación de máis de 6.000 asistentes que tratan temas tan diversos como transporte, enerxía, turismo, desenvolvemento rural, emprego ou cooperación transfronteiriza.
En paralelo ás reunións, seminarios e eventos de Bruselas, e co título "Europa na miña rexión " o "Europa na miña cidade" celebraranse uns 200 eventos locais en 200 cidades de Europa, entre setembro e novembro de 2013. Entre estes 200 eventos encóntranse os promovidos pola Eurocidade Tui-Valença, que acolle dous andainas saudables os días 29 de setembro e 12 de outubro.
Sem comentários:
Enviar um comentário