Das obras beneficiaranse máis de 5 mil habitantes
Onte martes comezou a executarse a obra de conexión das redes xerais e secundarias de Tui que conta cun orzamento de 631.917,02 euros e un prazo de execución de 14 meses. A primeira hora desta mañá o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e os concelleiros Olga Montes e Manuel González visitaron un dos puntos da obra na parroquia de Caldelas. As obras están a ser executadas polas empresa Excavacións e Construcións Laureano Covelo S.A.
As obras esténdense por todo o termo municipal de Tui, en concreto por Caldelas, Baldráns, Paramos, Randufe, Rebordáns, Areas e a rúa Martínez Padín no centro urbano con 13 novas conexións da rede de saneamento ao sistema de saneamento xeral do Louro, vertendo así á EDAR de Guillarei. Destas conexións beneficiarase a 5.400 habitantes. Cada conexión terá unha lonxitude que oscila entre 50 e 300 metros. Proxéctanse amais 3 bombeos con dúas bombas cada un, unha será en Rebordáns, cunha potencia de 1,7 kW; e dúas en Areas no Atrio, con 1,8 kW de potencia; e no Regueiro con 2,4 kw.
O proxecto destas actuacións foi redactado por Augas de Galicia en colaboración co Concello de Tui.
O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez explicou que estas son obras importantes porque “evitan que haxan fosas sépticas co conseguinte risco para o medio ambiente, e un custe importante para os propietarios”. Deste xeito indicaba que se sigue avanzando no saneamento da conca do río Louro.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, manifestou a súa satisfacción polo inicio desta importante obra destacando o feito de que Tui é un dos concellos da provincia de Pontevedra que máis avanzado ten o saneamento, e incluso o abastecemento de auga, no termo municipal. Nese senso o rexedor tudense manifestaba que “estamos moi ilusionados proxecto co ciclo integral da auga” que está en marcha apuntando que “é o camiño que temos que seguir.”
En carteira hai outros proxectos pendentes neste campo como a nova estación de bombeo de Areas que agarda poder acometer en breve.
Logo desta actuación máis do 90% do municipio contará xa conexión á rede de saneamento. Pendentes quedarán pequenos ramais que Moisés Rodríguez agarda poder realizar con plans municipais, da deputación ou da Xunta de Galicia.
Sem comentários:
Enviar um comentário