O Concello amosa así o seu compromiso como “cidade solidaria co Alzheimer”
Hoxe tivo lugar a presentación da iniciativa conxunta do Concello de Tui e a Asociación AFAGA ( Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia) de por en funcionamento dous obradoiros de apoio a enfermos e familiares de afectados de Alzheimer.
A presentación estivo presidida polo Alcalde en funcións, Nicolás Lorenzo, a Concelleira na área de Servizos Sociais, Olga Montes, o presidente de AFAGA Juan Carlos Rodríguez, e o psicólogo responsable técnico do programa Pedro Santamaría.
O obradoiro “Un coidador: dúas vidas para familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias” comezará o vindeiro mes de outubro os mércores de 18h a 20h no edificio da Área Panorámica de Tui. O “Obradoiro de estimulación para persoas con Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas” está dirixido aos enfermos de perfil leve a moderado os luns e xoves de 17h a 20h.
Nicolás Lorenzo aproveitaba para dar as grazas aos participantes desta iniciativa e salientar a súa importancia xa que o Alzheimer é unha enfermidade presente na sociedade galega.
A concelleira Olga Montes lembraba a adhesión de Tui como cidade solidaria co Alzheimer desde o pasado ano, acción pola que a localidade amosa así o interese polo desenvolvemento dunha Política de Estado sobre Alzheimer.
O presidente da asociación AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, agradecía a colaboración do Concello, un dos primeiros do sur de Galicia en amosar interese polo proxecto, aprobado por unanimidade no Pleno do Concello.
O obxectivo de AFAGA é o traballo tanto cos enfermos coma cos familiares, xa que as familias necesitan información e formación para afrontar esta enfermidade que afecta ás vidas do enfermo e do seu entorno. Juan Carlos Rodríguez subliñaba a importancia destes obradoiros que buscan fomentar a autonomía do enfermo actuando cando a enfermidade está nunha fase leve mediante a estimulación.
O psicólogo do programa, Pedro Santamaría facía fincapé no importante que eran estes obradoiros para que os enfermos se sentisen con liberdade para expresarse sen medo a non encaixar. O reto que busca a asociación e adaptar o entorno do afectado para que manteñen unha calidade de vida.
Para máis información e inscricións contactar no teléfono do Concello 986 60 36 25 no departamento de Servizos Sociais.
Sem comentários:
Enviar um comentário